Logo de La Coctelera

Homes de pedra en barcos de pau

Hasta o nordés lle senta ben a Muros. (Costesia de murosdesanpedro.com)

3 Mayo 2008

O mestre de matemáticas

Era o ano 1974 . Eu , aínda apenas un barbilampiño adolescente , comezaba os meus estudos de patrón na escola náutica de Vigo.

O meu mestre de matemáticas naquel primeiro curso, era un entrañable ancián , (ou iso mo parecía a min, mirado dende a curta atalaia dos meus escasos 15 anos) co pelo cano, gafas de grosa montura e modais sosegados.

Chamaba a miña atención o feito de que mentres nós , os seus alumnos , tratabamos de desentrincar algún problema matemático proposto polo mestre, el na súa libretiña de notas que sempre levaba no peto interior da súa americana, escribía ensimesmado coa súa estilográfica. Eu pensaba que o mestre estaba a resolver tamén as ecuacións que a nós nos propuxera , pero levado pola miña curiosidade, un día o entregarlle o meu exercicio, puiden ver que o que eu creia números , eran letras , e o que pensaba eran problemas matemáticos eran versos.

Don Xosé María Álvarez Blázquez , meu mestre de matemáticas, estaba a compoñer entre problema e problema , na clase de matemáticas versos tan fermosos como o que acompaña aquí este texto , musicado nesta ocasión por Suso Bahamonde.

servido por homesdepedraenbarcosdepau 2 comentarios compártelo favorito

3 Mayo 2008

A Vella da "A Xesta"

(Fomos ficando sós / o Mar o barco e mais nós)

Manuel Antonio

..........

O meu ben estimado amigo, Marcelino García Lariño, Aparte de ser un gran e ameno conversador é un magnifico escritor e poeta .

Fai uns días agasalloume coa lectura de varias das súas composicións, as cales todas teñen, o meu modesto entender, un alto valor literario, e de entre elas fixeime nunha poesía dedicada e estatua “da vella” .

Esta escultura que é un símbolo moi querido para todos os muradáns , representa a unha vella sentada , mirando cara o mar . Espera a vella ver chegar pola bocana do porto o seu fillo que saíu un día para o mar e nunca regresou .

Nos actos que temos programados na honra das vítimas do petroleiro Bonifaz o día 12 de xullo, habemos facer o pe de esta escultura unha ofrenda floral , e pedimos a Marcelino que nos compuxese unha poesía que el mesmo recitara no acto.

Esta é a poesía que Marcelino lle dedica a vella

Á VELLA DA “A XESTA”

          Choraba e chora na A Xesta,

          Sempre o fai mirando ó mar;

          A vella chora, e máis chora,

          ¿por quen estará a chorar?

          ¿Chorará polo seu home,

          por seu fillo, por seu pai,

          chorará polo seu noivo,

          polo amigo, polo irmán?

          Chora por calquera deles

          Que un día estando a pescar

          enguliuno unha galerna

          e nunca máis veu voltar.

          Calquera muller de Muros

          Sempre ten por quen chorar;

          Non hai no porto familia

          Sen afogado no mar.

          Hoxe, nunha estatua viva,

          A vella sigue a chorar,

          Mesmo na punta da “A Xesta”,

          Soíña, fitando ó mar.

          Marcelino García Lariño.

servido por homesdepedraenbarcosdepau 3 comentarios compártelo favorito

27 Abril 2008

Lista dos mortos e desaparecidos no naufraxio do Bonifaz

DESAPARECIDOS:

Francisco Cosano Manzano 4º maquinista, de 25 anos

José Antonio García Domínguez, alumno de máquinas, 19 anos

Angel Teijeira Novo, Alumno de máquinas, 20 anos

Juan José García Malvarez, mozo de 63 anos de idade, natural de Muros.

Carlos Campos García, mozo de 28 anos, natural de Santander

Jesús Malvarez Fernandez , Caldereteiro de 48 anos, natural de Muros.

Manuel Pérez Marin, Engraxador d 39 anos, natural de Santander.

Antonio Tajes Tajes, fogueiro de 43 anos, natural de Muros.

Gregório Pereda Sotero, engraxador de 39 anos , natural de Santander

Benito Fernandez San Emeterio, fogueiro de 37 anos, natural de Santander

Jesús Fernández Tajes, Limpiador de 26 anos, natural de Muros

Julio Santamaria Damalia, limpiador de 16 anos

Hipólito Terán González, marmitón de 50 anos, natural de Santander

Victor Ugalde Arrién, cociñeiro de 15 anos

Antonio Soler Pérez, camareiro de 25 anos

Venancio Rotaeche Mosquera, axudante de camareiro, de 36 anos

Gonzalo Velasco Bedía, marmitón de 43 anos

Julia Rodríguez Sanz , dona de Carlos Campos García

Angela Muñoz Manso, dona de Gregorio Pereda Sotero

Estefanía Rodríguez Fraga, dona de José Oria.

MORTOS:

Juan Fernández Farro, casado, natural Xixón e residente en Cartaxena de 36 anos e que ocupaba a praza de camareiro

José García González, axudante de camareiro

Jaime Díaz Cantero, Xefe de maquinas de 38 anos, casado e con dous fillos

Juan García Benzal, Engraxador de 50 anos, casado e con un fillo

Luis García Lusares, marmitón de 17 anos.

Tags: bonifaz

servido por homesdepedraenbarcosdepau 6 comentarios compártelo favorito

26 Abril 2008

Homenaxe as vítimas do Bonifaz

Fai uns meses publicaba aquí, nesta bitácora, a triste historia do naufraxio do petroleiro de bandeira española pertencente á Naviera de Castilla, Bonifaz.
Neste Naufraxio, acontecido o día 3 de xullo de 1964 en augas próximas a cabo Fisterra, perderon a vida vinte e cinco persoas, catro delas veciños de Muros.

A raíz da publicación deste articulo, varios familiares das vítimas do Bonifaz puxéronse en contacto para agradecerme que mantivese viva a chama da lembranza sobre o naufraxio e sobre os mortos e desaparecidos nel.

Unha desas persoas foi, Piedad Hortensia Pereda Muñoz, que xunto cas súas catro irmás fillas todas do matrimonio formado por Gregorio Pereda Sotero e Ángela Muñoz Manso, ambos desaparecidos nesta traxedia, quedáronse orfas a unha idade moi temperá. O seu tristeiro testemuño impactoume e me emociono de maneira moi profunda.

De Piedad tamén partiu a idea de realizar unha homenaxe as vítimas do Bonifaz, aquí en Muros. E desde ese instante, o poder chegar a concretar esa idea e lograr facela realidade, converteuse en algo prioritario para min.

Debido á falta de tempo libre de que dispoño, pois paso na mar cinco dos sete días da semana, a empresa de cristalizar a idea en algo tanxible, era para min unha empresa ardua, por non cualificala de imposible; Aquí chegados a este punto entra en escena a recén creada asociación muradana SORUM. Expuxen a nosa idea perante a súa xunta de goberno, e ao momento acolleron esta iniciativa como súa propia , comprometéndose a xestionar diante do concello e diante das demais administracións publicas, os apoios e as axudas necesarias para levar a bo porto a nosa empresa.
Onte mesmo me comunicaban que por parte do concello muradán , incluíase a iniciativa dentro das xornadas lúdico-culturais de “Muros Mira ou Mar” a celebrar os días 12 e 13 do próximo mes de Xullo.

A data da homenaxe será o día 12 de Xullo (sábado) e constará de tres actos.

1º Acto civil que probablemente se celebrará no salón de actos da casa da cultura de Muros.

2º Acto relixioso, a celebrar na igrexa parroquial

3º Ofrenda floral polas vítimas, que posiblemente se fará o pé de “a vella”, escultura no paseo muradán en lembranza dos desaparecidos na mar.

Aínda faltan por perfilar varios detalles de organización e intendencia, pero xa irei publicando nesta mesma páxina todos os detalles.



servido por homesdepedraenbarcosdepau 2 comentarios compártelo favorito

26 Abril 2008

Xente de Muros

Despedindo a un amigo
Entra e verás
O Caniño
O señor Consul do varadero
De chica-lo bote
voando ca imaxinacion
O mar sempre preto
O señor Pedro
Na terraza do Ignacio

servido por homesdepedraenbarcosdepau 2 comentarios compártelo favorito

19 Abril 2008

O neno

O neno estaba debruzado sobre o peitoril da estrada que miraba ao mar; observaba como os muxos amontoábanse para comer as frangullas de pan que el lles ía guindando aos poucos.

'

Fraco como un vimbio, tiña o pelo da cor da palla , os ollos da cor do mar e a pel tan branca que na casa, todos mais mouros que el , alcumábano “o leiteiro”.
'

Vestía un pantalón curto de cor branco, sen petos, que lle fixera a costureira a última vez que foi coser a súa casa coa tela dun uniforme de verán da mariña de guerra que o seu irmán maior trouxera cando cumprira do servizo. O mesmo irmán que despois de cumprido emigrou para un país do norte de Europa en busca dunha mellor vida e que coas primeiras cadelas gañadas na emigración enviou a través dun veciño que viña de volta de viaxe, unha maleta cargada de “roupa estranxeira” de rechamantes cores. Que ben ulía aquela roupa, a nova!, e non como a que había na casa que fedía a alcanfor. Unha desas pezas de roupa que tan bo perfume tiña, completaba o atavío do neno

Canto chorara o rapaz polo seu irmán ausente baixo as sabas da súa cama. Choraba en silencio, sen bágoas e sen xemidos, botaba de menos ao seu irmán e non sabia porqué tiña que haberse ido a ese país tan afastado.

Escribíalle a miúdo coa súa caligrafía aínda vacilante e chea de erros ortográficos recén aprendida na escola de Don Manuel , e o encabezamento da epístola era sempre o mesmo , ( era un encabezamento estándar), iso escoitárallo dicir unha vez o seu mestre, aínda que non sabia moi ben o que significaba .

“Querido hermano:

Espero que al recibo de esta te encuentres bien de salud, por aquí bien todos gracias a Dios”.

En castelán, por suposto, que na escola de Don Manuel non se podía falar nin menos aínda ensinar nin aprender nada en galego...

,

O neno , mentres vía como os muxos xantaban os últimos anacos de pan para logo dispersarse , pensaba en como poderían facer os peixes para respirar , porque a maior parte do tempo tiñan a cabeza baixo do auga! Como se apañarían para durmir , durmirían coa boca fóra do auga?.
.

Nestas cavilacións estaba cando o estridente son da buguina da lonxa rompeu co silencio daquela tarde maina de verán para anunciar a chegada das primeiras “bakas” o porto.

Nunha delas viña o pai do neno, O cal como movido como por un invisible resorte e esquecendo por completo aos desagradecidos muxos, botou a correr para o peirao para ver chegar o barco no que navegaba o seu proxenitor…

servido por homesdepedraenbarcosdepau 10 comentarios compártelo favorito

18 Abril 2008

Barcos en terra

Tags: muros, barcos

servido por homesdepedraenbarcosdepau 4 comentarios compártelo favorito

13 Abril 2008

A lenda do Buque Pantasma

O holandés errante é o nome dado a un buque creado pola fantasía e o temor supersticioso de sucesivas xeracións de homes de mar. En principio, a desgraciada lenda deste buque pertence ao conxunto de sinistras historias que xorden trala profanación da festividade do Venres Santo. O home de mar, especialmente nos anos que nace a lenda, é crente de firmes conviccións e, en moitas ocasións, moi supersticioso. Incluso nos nosos días óense a bordo dos buques, nas conversacións da lonxa ou na baiuca do porto, explicacións moi peregrinas a fenómenos cientificamente estudados hasta a saciedade, como o dos lumes de San Telmo, algunhas clases de lóstregos e as auroras boreais...

A versión máis coñecida da lenda do holandés cóntanos que un capitán chamado Van Straaten saíra do porto por unha aposta no día de Venres Santo asegurando, ao serlle lembrada a solemnidade do día, que o faría mal que lle pesase a Deus. A súa blasfemia foi castigada coa súa morte, a de toda a súa tripulación e a desaparición do buque. Pouco despois da época imprecisa en que se sitúa o suceso apareceu de novo o buque na zona do cabo de Boa Esperanza, sempre era avistado con mal tempo e nestas ocasións víaselle intentar unha virada por avante que continuamente fallaba, e que intentaba unha e outra vez sen éxito. Ao dicir dos narradores, o buque non gañaba millas, non podía tomar porto e estaba condenado por Deus a tal situación ata o día do Xuízo Final.

Co tempo foron aparecendo modificacións en varios dos elementos da lenda, por exemplo no nome do impío capitán que mandaba o buque ou na zona xeográfica onde aconteceu o suceso. Segundo Walter Scott, o buque de referencia ía cargado de ouro, a rivalidade e a cobiza naceu entre a tripulación e finalmente cometeuse un crime a bordo; o castigo divino foi a aparición dunha epidemia que acabou coa tripulación, condenada a vagar eternamente nos citados paraxes. Os aditamentos ou accesorios á lenda primitiva obsérvanse en esta como en todas as lendas de calquera parte do mundo, sen embargo o seu nome permaneceu inalterable no tempo e a súa historia sempre se lembrará co nome de "A lenda do Buque Pantasma".

servido por homesdepedraenbarcosdepau 1 comentario compártelo favorito


Sobre mí

Avatar de homesdepedraenbarcosdepau

Homes de pedra en barcos de pau

ver perfil »
contacto »
Suscribir con Bloglines Son mariñeiro dende que tiña 15 anos , o sexa que non esperedes topar aquí ningunha xoia literaria nin reflexión con mais de 200 brazas de profundidade. Pero cariño o mar e un chisco de sensibilidade , si atoparedes.
Web Site Counter
Site Counter
HOMESDEPEDRA@GMAIL.COM

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera