A devoción mariñeira a virxe do Carme
Actualmente poucos son os mariñeiros, pescadores ou navegantes que se lembran doutro santo avogoso que non sexa a Virxe do Carme. Parece que é unha devoción tradicional xa secular, de sempre, que vén polo menos da Idade Media. A realidade, pola contra, é moi distinta: trátase dunha devoción relativamente moderna, e máis se temos en conta que a data clave é a de 1901, que foi cando a raíña rexente María Cristina a declarou patroa da mariña de guerra. Dende entón, debido a que na armada era onde cumprían o servicio militar os máis dos mozos mariñeiros, popularizouse de tal xeito que substituíu a tódolos santos que se tiñan por protectores dende moitos séculos antes.
Tendo en conta os perigos que axexan decote ós que traballamos no mar, non é de estrañar que a fe relixiosa deste colectivo fose sempre moita, que procurasen a protección de intercesores divinos, aínda que logo ó estaren en terra non nos distingamos precisamente pola súa práctica. Cómpre situarse mentalmente nun daqueles barcos de antes, no medio dun temporal en alta mar, cos mastros e as velas esnaquizados polo vento, e as ondas de varios metros xogando co casco, para comprender ó que podía chegar a relixiosidade dos mariñeiros nesas circunstancias tan angustiosas:
Quando fueron sobre el cabo se cruzaban los mares, la de España e la de Poniente. Allí eran las olas muy altas, e la tormenta tan grande, que envestían las olas fasta media galera. Lanzaron toda la gente debajo, e cerraron las escotillas: e allí facían los omes, con el miedo de la muerte, votos e prometimientos, unos a Sancta María de Guadalupe, otros a Santiago de Galicia, otros a Sancta María de Finisterra, otros a Fr. Pedro González de Tuy, e otros a Sant Vicente del Cabo; e fallaron ser la mar tan mansa, e non tanto viento.
Aínda que logo despois de pasa-la treboada as máis das promesas non as cumprían, esquecéndose de todo o que xuraran facer se os santos os salvaban dunha morte
Lo bueno que ellos de cristianos tienen es que en una peligrosa tormenta se ponen a rezar, se ocupan en suspirar, se toman a llorar, la cual pasada se asien an muy despacio a comer, a parlar, a jugar y aun a renegar, contando unos a otros el peligro en que se vieron y las promesas que hicieron.
Poucas eran as vilas e parroquias costeiras que non contaban con algunha confraría ou gremio formado exclusivamente por mareantes, figurando sempre nas constitucións os rezos que tiñan que facer cando se atopaban en terra e ó andar embarcados, antes de pescar e logo de remata a tarefa. Un caso sumamente curioso era o dos mariñeiros do Berbés , que antes de saír para o mar asistían dende as embarcacións a unha misa que dicía un frade franciscano nun corredor do convento que dá cara á ría. Santos protectores houbo varios ó longo dos séculos, dependendo da época e da situación xeográfica. As relacións entre mariñeiros de diferentes países influíron no santoral, chegando a devoción dalgún santo a costas afastadas, como sucedeu con Santo Erasmo ou Elmo, que dende Italia acabou por ser venerado en todo o mar Mediterráneo e parte do océano Atlántico, confundíndose logo con San Pedro González ou San Telmo. As viaxes dos portugueses e españois estenderon o culto ós seus patróns por tódalas terras descubertas. Actualmente dalgúns xa case non hai memoria, e menos entre os mariñeiros, por ser trocados por outros, como Santo Erasmo por San Telmo, ou porque se fomentou a substitución dende as propias institucións, tanto eclesiásticas coma civís, como aconteceu coa Virxe do Carme.

Se o mar fora de leite...

Fernando dijo
ver si te gusta
http://www.lacoctelera.com/la-aldea-global/post/2007/07/14/dia-fi...
ten buen domingo y felices carmenes
15 Julio 2007 | 08:47 AM