Nunca souben verdadeiramente onde esta a liña que separa o ceo do mar. Miro ao horizonte e tan só podo distinguir unha fina raia de cores mesturados. Como se o mundo se puidese dividir en dous tan facilmente con só trazar unha raia á nosa vista, alí está sempre cando miro para ningures, o afastado horizonte. Sempre que o miro quedo fascinado perdendo a miña mirada e os meus pensamentos sobre a delgada liña azul imaxinaria, e mentres a perdo da miña vista de tanto fixarme nela, deixo que exerza sobre min o poderoso desexo de poder cruzala, de ir mais alá do horizonte, de saber realmente de que cor é a súa misteriosa fronteira.
Desexo saber que hai mais alá. De buscalo. Desexo de afastarme. Sei que só teño que deixarme levar se quero realizar o meu soño, e algún día ei decidirme a facelo. Navegar cara o solpor para acadar o horizonte, buscar a ultima raiola de sol que sempre se me escapa detrás desa malfadada liña.
Hasta poder intuír o que hai alén mar , mais aló do mundo no lugar onde se xunta o azul do ceo co verde das augas do oceano.
Pero iso será algún día. Por agora conformo con mirar para o horizonte .
Xa me parecía , xa sospeitaba eu que hai pobos no mundo case tan fermosos como Muros e terras e xentes tanto ou mais , boas e xenerosas como as de aquí.
Eu tan so podo cualificar todo o que vin e vivín estes días con dúas palabras IM-PRESIONANTE
Son as 7:30 da maña do mércores 20 de decembro de 2006, estamos a 20 millas ao oeste de Monte Louro. Anda un ventiño fresco de leste o que me obriga a manter as fiestras da ponte pechadas para non mollar a cara.
Teño sono , estou canso e un pouco malhumorado.
¡E fai un frío que pela.!
Acabamos agora mesmo de largar os artes, e aproveito para tomar un cafeíño ben quente para quecer o corpo.
Miro no radar e non temos barco ningún nun radio de 4 millas , podo tomar tranquilo o café.
Acendo o UHF no canle 74e saúdame unha voz augardentosa pero ben afinada cantando unha panxoliña que fala do Neno sobre un feixe de pallas . Cambio para a canle 9 e outra voz , esta vez moi desafinada , canta tamén unha panxoliña que fala de peixes e de ríos. Cando termina outra voz e outra panxoliña remúdano .
Paso agora a canle 11 onde esta control de trafico de Fisterra , e un petroleiro de bandeira Grega está a reportar o seu paso polo dispositivo de separación de trafico; O terminar despídese con un recoñecible, Merry chistmas and happy New year.
Volvo o canle 74 , sigue a mesma voz de augardente cantando, pero esta vez é unha rancheira o que soa través das ondas. Cando termina outras voces anímano a continuar e a voz augardentosa arrancase con un pasodobre.
Xa son mais das 8 da maña , xa espertei , xa quecín e xa non me lembro porque estaba malhumorado.
P-51 Mustang do exercito americano na II Guerra Mundial
....................
Cando se faena con artes de arrastre sobre da superficie da plataforma continental , dentro do aparello as veces, aparte de peixes , veñen outras cousas. Obxectos que son guindados pola borda dende mercantes ou iates que pasan pola nosa costa, restos de naufraxios, e lixo,. De feito unha das nosas funcións engadidas é o de varredores do mar, recollemos todo o lixo que ven dentro do aparello e traémolo para terra para o seu posterior reciclaxe.
Pero de cando en vez fanse achados raros ou curiosos, como lles pasou os arrastreiros muradáns “Carmen Garrido” e “Marina” aló no mes de abril do ano 1943 enplena II Guerra Mundial.
O día 20 de abril , o axudante de Mariña de Muros informaría a capitanía do Ferrol dos seguintes feitos:
“Cuando se hallaba en las faenas de arrastre el pesquero gallego “Carmen Garrido”, a 7 millas al SW. De Monte Louro, encontró los restos de un avión aliado, consistentes en un cristal de la cabina del piloto, una caja de munición y once proyectiles de ametralladora; todo el material encontrado está muy deteriorado, mientras que tanto por la situación del hallazgo como por la identificación de los restos se cree que pueden pertenecer a un avión americano caido al mar recientemente a 5 millas al NE. de Cabo Corrubedo”
Na mesma nota informativa relata que outro arrastreiro muradán , o Marina achou a 7 millas o SW. Do Cabo Finisterre os restos das ás de outro avión cun peso aproximado de 60 quilos e unha superficie de tres metros. Os restos atopados foron depositados nas dependencias da Axudantia de Mariña de Muros.
Volvía a porto, a vela de relinga portaba coas primeiras brisas do virazón. O sol, alto xa, quentaba e disolvía as nubes sobre a vila e levárase a néboa que lle acompaño pouco antes do alba cando saía a pescar.
Sempre doen as mans, despois dunha xornada de pesca percorrendo a ría para largar e recoller os trasmallos, as mans están resentidas de halar cabos, salgados e húmidos, cabos de esparto dos baratos, dos de pescar. Doen os riles de manterse nun inestable equilibrio, de pe, mentres se recollen os froitos do mar encima das ondas que converten a canoa nun soporte inseguro, e doen os ollos de evitar o reflexo do sol sobre a auga, e de manter a mirada nas caprichosas ondas para prever a seguinte vaga de mar.
O mariñeiro facía e sentía isto sen maior conciencia que a da práctica, a que dan os anos pasados sobre ese bote, con frío, calor, chuvia, maraxe e co que os demos crueis do mar gardaban para el para cada día no mar.
Pero desde facia uns meses sentía un novo dor , diferente, leve pero xordo e constante, e sabía que esa dor non viña do mar, esa dor viña da idade, e viña de moi adentro. E cada día era máis constante, máis xordo e menos leve. E combatíao unicamente como sabía, resollando e xurando entre dentes, pero sen queixarse, por que o mar non entende de laios e polo tanto non serve de nada xemer.
Só foi ao médico un día tras quedarse sen folgos ao recoller unha captura un pouco mais abundante que o habitual, como bo mariñeiro, non foi buscando cura senón linimento que lle permitise no futuro afrontar eses achaques sen perder o resollo.
Lembraba escasamente o diagnóstico, simplificándoo na súa memoria a unhas poucas palabras, “contra ese mal non se pode loitar”, O non entendía para que habían servido tantas probas e análises, se non se podía loitar, para que o tiveron nesa cama case un mes, sen deixalo saír o mar, negándolle a grata sensación de pasar de volta cada día pola boca do porto cun cesto cheo de peixe, para subastalo na lonxa a cambio do xusto para poder comer sen ter que tocar os aforros gardados para os “días malos” que puideran vir.
Pero mentres se dirixía de volta a porto, e se ollaba a palma da man, entendía que pronto non podería xa, recoller mais a rede, ou izar a vela ou arborar o mastro, e iso non tiña lóxica no seu mundo, pois, sen poder facelo, o seu mundo non existía.
A seu entender, na vida, cada un ten unha loita, e a súa loita era contra o mar, non podía loitar contra un mal que non entendía, nin quería loitar contra unha vida que se lle escapaba.
Quizais por iso, mentres se ollaba a palma da man, decidiu que tivera un bo día de pesca e que sería un bo último día de pesca, quizais por iso non regateou na poxa lonxa, quizais por iso foi directamente á baiuca co diñeiro a comer un bo prato de caldeirada con pan branco e viño tinto, quizais por iso logo foi á tenda a mercar esa navalla nova que nunca se quixera permitir.
E mentres xogaba coa navalla no peto do pantalón encamiñouse á habitación que lle servía de casa para preparar as liñas e carnada para unha semana, limpou e ordenou os poucos aparellos que posuía, e deixou sobre a mesa os cartos do aluguer da seguinte semana. Cando rematou, fixo un atillo cunha manta onde meteu un molete de pan, unhas galletas, un pouco de touciño, unha botella de viño eunha garrafas de auga . deixou todo encima do catre, púxose unha camisa limpa e foi á confraría a xogar ao dominó hasta que foi hora de volver a durmir.
Á mañá seguinte colleu o feixe cas súas cousas e votou a andar cara o peiraoonde amarraba a súa canoa, embarcou nela, arriou os cabos e fíxose o mar.
De que substancia están feitos os soños?, de barro e auga, arxila en mans dun oleiro? , de madeira estopa e brea, útiles básicos do calafate? , de estrofa e rima na mente dun bardo ou dun poeta?
Pode ser o mar eterno o noso sono. Pero os ventos que empurran da nosa nave poden ou non levarnos a bo porto. Podemos encallar ou estrelarnos contra o cantil, pero tamén podemos seguir rumbo seguro, buscar paraísos e encontralos, seguir a éstrella polar ou incluso perder o norte… En calquera caso, non somos illas, non estamos sos nesta viaxe, e é posible que a tripulación se amotine ou decida abandonar o barco en plena tormenta. Aínda que tamén é posible que permanezan leais e presten a súa colaboración nesta travesía, sexa cal sexa o noso rumbo, sexa cal sexa a nosa meta. Pode ser o ceo o noso sono, e voando confundirnos coas aves. Ou pode ser a solitaria cume da máis solitaria montaña, ou o val máis apartado, ou o máis silencioso lago, ou a impersoal cidade, a escandalosa urbe… ou esta illa, tranquilo refuxio onde aplacar os pesares...
Sexa cal sexa o noso sono, sexa cal for a substancia da que está feito, seguilo é nosa meta. Que sexa nosa pericia a que nos leve a bo porto, aínda que saibamos que o esforzo da tripulación é necesario para manexar o noso navío na dura e brava mar que é a nosa vida.
E desexemos que, esta vez, non nos aconteza o que na coñecida historia que fai pouco nos lembraba o noso amigo Jesús, do motín da “Bounty”. Esperemos que non se amotine a tripulación e teñamos que, cun pequeno bote e un reducido grupo de incondicionais, facer nas máis penosas e agónicas circunstancias a nosa travesía. E se é así, que sexa o noso sono o manternos firmes no noso afán e agradecidos a eses incondicionais que nos acompañan na nosa proeza.
Boa sorte mariñeiros, e non vos deter nunca hasta ter acadado os vosos soños.
Son mariñeiro dende que tiña 15 anos , o sexa que non esperedes topar aquí ningunha xoia literaria nin reflexión con mais de 200 brazas de profundidade.
Pero cariño o mar e un chisco de sensibilidade , si atoparedes.
...................................
IX Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia- Muros 2009
Cartel de Fernando Rei
Site Counter
CONTACTO con tacto
HOMESDEPEDRA@GMAIL.COM