Segundo conclúe a tese de María Luz Álvarez, a cuarta sobre a materia publicada en España

O protocolo é unha práctica cada vez máis demandada e unha disciplina sen catalogar

Na investigación, a actual doutora seleccionou aos 6 autores máis destacados que escribiron sobre o tema

O protocolo durante os últimos anos incrementou a súa reputación debido ás necesidades comunicativas de todo tipo das organizacións e institucións. Sen embargo, esta práctica cada día máis imprescindible para as empresas, non conta cunha base teórica definida e solápase con varias disciplinas, sen saber moi ben onde encadrala. Esta é unha das principais conclusións ás que chegou María Luz Álvarez Rodríguez na súa tese de doutoramento que, baixo o título Nocións de protocolo desde a bibliografía das súas autoridades, pretende amosar ao ámbito académico español o carácter disciplinar da materia, si se trata dun ámbito científico propio ou si pertence a outra área de coñecemento.
Ao longo do proceso de investigación, que durou case tres anos, a autora analizou as diferentes perspectivas que desde a súa orixe estudaron o protocolo: a histórica, a xurídica e unha terceira que comeza a ter relevancia, a comunicolóxica. Deste xeito, María Luz Álvarez explica que, desde o punto de vista histórico, céntrase na narración das tradicións, os costumes, os usos sociais e as modas, mentres que, desde unha corrente xurídica, fundaméntase nunha análise das leis, as normas e as regras existentes ao longo dos tempos. En último lugar estaría a perspectiva comunicolóxica, que estuda a materia como a transmisora dunha identidade para a creación da imaxe dunha organización.

A tese, que foi presentada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e dirixida polo profesor Daniel Martí Pellón, tamén conclúe que aínda que non existe unha razón de peso para excluír ao protocolo das materias incluídas nas ciencias da comunicación, é certo que a proposta que ten hoxe en día encadra mellor na área da información, das relacións públicas ou da imaxe das organizacións, onde xa está a converterse nunha ferramenta imprescindible. Ademais, María Luz afirma que é un obxecto de estudo pouco explorado e investigado, que non acadou un fundamento suficiente, polo que demanda un corpo teórico propio, desenvolto baixo teorías, estruturas, métodos e terminoloxías que diferencien o seu ámbito de actuación.

Seis autores para fundamentar o protocolo

Para levar a cabo o seu estudo, María Luz Álvarez seleccionou a documentación bibliográfica da materia atendendo a determinados criterios como que se centrara no protocolo e no cerimonial, que estivera escrita por autores españois e que fora publicada antes do 2006. De este xeito, reduciu o campo de estudo de máis de 500 libros a 170 dos que, tras unha primeira análise, extraeu datos relevantes como o incremento exponencial de publicacións sobre protocolo na última década, a carencia de escritores vinculados a universidades españolas ou a case inexistencia de libros científico -teóricos fronte á abundancia de tratados, manuais e monografías. A partir de esta bibliografía, a autora da tese fixo unha descrición e unha selección dos máis destacados tendo en conta a súa produción, o recoñecemento de cada un por parte dos outros e a reputación de cada autor en materia de protocolo en España. Así, obtivéronse como resultado a seis autoridades sobre as que centrou a súa análise: Felio A. Vilarrubias Solanes, Francisco López -Nieto y Mallo, José Antonio de Urbina, Carlos Fuente Lafuente, Francisco Marín Calahorro y María Teresa Otero Alvarado.

O protocolo na actualidade

Hoxe en día o protocolo é unha ferramenta máis de comunicación que empregan as empresas nas súas campañas ou na organización de actos institucionais. Sen embargo, desde os seus comezos como simples normas do bo facer, non fufriu modificacións e, por iso, agora existe unha necesidade urxente de corrixir e actualizar esas regras básicas que o rexen, tanto nos escenarios tradicionais como nos de comunicación.
Por outro lado, a autora reflexiona sobre a situación actual da disciplina no mundo académico, no que cada vez é máis común ver ofertas de cursos, másters ou novas materias que, en teoría, formarían aos futuros profesionais neste eido. Sen embargo, a falta dunha base teórica suficiente no seu estudo fai que non acabe de encaixar no ámbito universitario, onde non está definida a súa área de coñecemento e onde aínda non hai unha rama específica para aqueles que desexen formarse nesta materia. Por iso, María Luz Álvarez pretende que a súa tese, a cuarta a nivel nacional sobre este tema, sexa algo máis que unha investigación sobre a situación do cerimonial e o protocolo e que sirva como chamada de atención a expertos para que impulsen o seu desenvolvemento académico no noso país.

Noticia de Ana Terceiro en Duvi.