Last bus to Oleiros
Dependo de trens e autobuses para moverme. Hai seis meses que saquei o carnét de conducir e a maioría dos seguros parecen non cubrir a conductores con menos de dous anos de experiencia (seica dentro dun ano e medio, cando xa teña todo esquencido, serei un condutor máis seguro). Despois de tantos anos así, coñezo ben o transporte público galego.
A estación de autobuses da Coruña sempre me pareceu particularmente tétrica; a partires de hoxe, tamén vou pensar que é ridícula.
Onte, mentras compraba unha trufa na pastelería da estación, escoitaba curioso como a dependente tentaba, con dificultade, comunicarse en castelhano cuns portugueses. Collín os meus restos de pasteis chocolateados e baixei ao autobus matinando nesta teima dalgúns galegos en darse testarazos innecesarios; o ton mecánico dos altofalantes anunciando as saídas en castelán estaban aí para que non esquecera que estaba en Pacoland.
O autobús se retrasa. Tempo para observar e escoitar. Un autocar chega de Salamanca e desta vez si teñen a deferencia de facermo saber en galego, castelhano e inglés; debe de ser que ando aparvado porque xuraría que antes só o escoitara en castelhano. Decido prestar atención e unhas chegadas e saídas máis tardes, comprobo que si, que as saídas avísannas so en castelán e as chegadas de fora do país, en galego, castelhano e inglés.
Eu non vexo moito turista pola estación. Somos os de sempre: xubilados, señoras sen coche e adolescentes sen motos. Ademáis, para que lles ía servir aos turistas saber que un autobús ten chegado? aos turistas coido que o que lles importa saber é cando e para onde saen os autocares, non de onde veñen, que iso xa o averiguan cando se suben a eles.
E aínda por riba quedo coa ilusión de escoitar "Departure of bus to Mountrovi, platform 2".
